Aurelio Bonelli (s. XVI-XVII)
Tocata Athalanta
A dous órganos
Domenico Zipoli (1688-1726)
Folías (arquivo musical de Chiquitos, Bolivia)
Gabriele Giacomelli
Alessandro Scarlatti (1660-1725)
Partite sobre a aria da Folía
Enrico Viccardi
Padre Antoni Soler (1729-1783)
Concerto en La menor
Andante, Allegro, Tempo de Minueto
A dous órganos
Domenico Scarlatti (1685-1757)
Sonata en Fa menor K 466
Sonata en Do maior K 515
Gabriele Giacomelli
Domenico Zipoli (1688-1726)
Elevación en Do maior
Enrico Viccardi
Giovanni Bernardo Zucchinetti (1730-1801)
Concerto en Si bemol maior
Spiritoso, Allegro
A dous órganos
A Toccata Athalanta do boloñés Aurelio Bonelli é un exemplo clásico dunha peza para dous órganos composta ao estilo da época: xogos de ecos e breves sucesións de acordes dan a sensación de espazo acústico, evitando superposicións e texturas demasiado complexas.
Domenico Zipoli foi un dos máis importantes autores de música para órgano e clavecín do Barroco italiano. Nado en Prato, preto de Florencia, foi xesuíta e misioneiro en América do Sur, onde se estableceu na cidade de Córdoba, agora pertencente á Arxentina, e onde faleceu. Foi tan apreciado como profesor de música dos hispanoamericanos e nativos americanos que as súas composicións foron difundidas e interpretadas en todas partes. Moitas delas foron redescubertas nas reducións xesuítas latinoamericanas, como as Folías no programa, danza que revela unha conexión evidente co folclore ibérico.
O palermitano Alessandro Scarlatti foi un dos máis grandes compositores do final do Barroco italiano. Autor de ducias de obras teatrais, tamén foi clavecinista e organista. As súas Partite (é dicir, variacións) sobre a aria da Folía (mesma danza popular ibérica que escoitamos na peza anterior) son unha obra mestra de virtuosismo ao teclado.
Antoni Soler é un eminente compositor e organista catalán, alumno, entre outros, de Domenico Scarlatti. É autor de sonatas e concertos moi interesantes para os instrumentos de teclado. O concerto no programa é un dos máis fermosos e orixinais, e contén pegadas de ritmos e motivos do folclore musical español.
Domenico Scarlatti, fillo de Alessandro, foi o autor máis prolífico de sonatas de clavecín do setecentos, tendo composto máis de quiñentas cincuenta. Dende o seu Nápoles natal trasladouse en primeiro lugar a Portugal, á corte real, onde chegou a ser mestre de música da princesa María Bárbara. Sucesivamente, cando a princesa casou co herdeiro ao trono de España, chegou a Madrid. As sonatas de Scarlatti son unha obra mestra de frescura e orixinalidade. A sonata K 466 é dolorosa e triste, mentres que a K 515 é rica de espírito e contén animados ritmos populares.
A Elevación en Do maior de Zippoli é unha espléndida peza meditativa composta polo mestre toscano para o cume da celebración eucarística durante a súa estancia en Roma como organista da igrexa do Xesús.
Non se sabe moito da vida do lombardo Giovanni Bernardo Zucchinetti, que foi organista da catedral de Milán durante algúns anos. O seu concerto distínguese polo intenso e elegante diálogo entre os dous órganos, o cal se desenvolve nun estilo plenamente galante.
Gabriele Giacomelli - órgano
Organista italiano e musicólogo, graduouse con honores en piano e órgano polo Conservatorio L. Cherubini de Florencia. Posteriormente completou os seus estudos con S. Innocenti e realizou cursos de interpretación musical con L. F. Tagliavini, M. Radulescu e H. Vogel. Obtivo a súa licenciatura en Historia da Musica na Universidade de Florencia. Realizou concertos en Europa (Austria, Bélxica, Dinamarca, Francia, Alemaña, Reino Unido, Italia, Países Baixos, Polonia, Rusia, Eslovaquia, Eslovenia, España, Suecia e Suíza), EUA e América do Sur convidado por asociacións e institucións como: Festival de órgano Oudekerk en Ámsterdam, Festival de órgano en Flandres, Great Philharmonic Hall en San Petersburgo, Tretjakovskaja Galereja en Moscova, Festival de órgano St. Johannes en Copenhagen, Festival de órgano en St. Jacobskyrkan e na catedral Storkyrkan en Estocolmo, Festival de órgano da catedral de Winchester, Festival de órgano da catedral de Dijon, Festival de órgano da catedral de Ljubljiana, Concertos de órgano da Sinagoga Central en Nova York, Festival Internacional de Órgano de Xetafe, Festival Internacional de Órgano do Uruguai ou o Festival do Barroco Latinoamericano na Catedral de Cuzco, Perú. Gravou dous CD (Elegia Records) dedicados a Domenico Zipoli (cinco estrelas en Amadeus) e un CD (Tactus) titulado Organ Music in Florence from the Medici to Italy’s Unification (cinco estrelas en Amadeus, catro estrelas da revista británica Choir&Organ). Os seus artigos (sobre Cherubini, Frescobaldi, G. B. Martini, Merulo, Orlando Lassus, Palestrina...) foron publicados en revistas académicas e en libros editados por Libreria Editrice Vaticana, Olschki ou Yale University Press, entre outras. É autor de tres libros sobre órganos e historia da música sacra na Toscana. É coautor co famoso violinista Salvatore Accardo dos libros Stradivari (Bompiani, 2012), Sulle note di uno Stradivari (Fabbri, 2017) e Effetto Stradivari (Fabbri, 2021). É director artístico dos ciclos de música O flos colende, organizado pola catedral de Florencia dende 1997, e do Festival Zipoli, promovido pola Commune de Prato dende 1998. É supervisor do Ministerio de Cultura italiano para a restauración dos órganos antigos de Florencia e profesor de Historia da Música no Conservatorio G. B. Martini de Boloña.
EnricoViccardi - órgano
Nado en Maleo, trasladouse despois duns anos a Codogno, onde aínda reside. Graduouse con honores en órgano e composición no Conservatorio de Piacenza na aula de Giuseppina Perotti, completando os seus estudos con Michael Radulescu na Hochschule für Musik de Viena. Despois seguiron cursos con mestres como E. Fadini, C. Tilney, J. Langlais, D. Roth e en particular os celebrados por L. F. Tagliavini na Academia de Pistoia. A súa carreira de concertista levouno a tocar para festivais e asociacións de prestixio en moitas cidades italianas e no estranxeiro (España, Portugal, Andorra, Francia, Suíza, Austria, Alemaña, Eslovaquia, Eslovenia, Polonia, Suecia, Inglaterra, Casaquistán ou Uruguai). Gravou para Bottega Discantica, Divox Antiqua, Dynamics, DaVinci Classics, Brilliant (obras completas de Merula e Storace). Para o selo Fugatto comezou a gravación das obras completas de J.S. Bach para órgano, con instrumentos de italianos, antigos e modernos. Impartiu clases maxistrais en Italia, España, Portugal, Alemaña, Suecia e Casaquistán. Un ensaio sobre J. S. Bach foi publicado pola Real Academia de Belas Artes de Granada. É profesor dos cursos de órgano do instituto Marc’Antonio Ingegneri de Cremona e presidente da asociación Accademia Maestro Raro en Casalpusterlengo (LO). Director artístico da serie de concertos «Percorsi d’Organo in provincia di Como» e do «Órgano de outono» na provincia de Lodi, é profesor de órgano e composición para órgano no Conservatorio A. Boito en Parma. (www.enricoviccardi.com).